|
|
|
|
|
ESTATUTOS "EL LICEO DE OURENSE" |
|
|
CAPÍTULO I
IDENTIDADE, CARACTERES E ESTRUTURA DA SOCIEDADE
ARTIGO 1º. - A sociedade á que se
contraen estes estatutos fundouse o 3 de marzo de 1850 e inscribiuse o 22 de
xaneiro de 1884 no Rexistro de Asociacións, co número trece. O 16 de decembro
de 1966 foille asignado no Rexistro Nacional de Asociacións o número 3.412, e
no Rexistro Provincial o número 35.
Denomínase El Liceo de
Ourense e o seu emblema consiste no escudo da cidade de Ourense e,
sobregravado, un «L» maiúsculo con caracteres propios, de duración
indefinida.
ARTIGO 2º. - A sociedade El Liceo de
Ourense é unha entidade cívica, con personalidade xurídica propia e sen ánimo
de lucro, que está baixo o amparo do disposto no artigo 22 da Constitución
española e acollida á Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do
dereito de asociación.
A organización e
funcionamento da sociedade será democrático e con pleno respecto do pluralismo,
sen que poida existir discriminación ningunha por razón de nacemento, raza,
sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou
social.
ARTIGO 3º. - A promoción de
actividades artísticas, literarias, deportivas e culturais, en xeral, son fins
esenciais da sociedade, que se preocupará, así mesmo, de conseguir o recreo e o
solaz dos socios.
A sociedade
posibilitará a utilización da súa sede e persoal, para a realización de actos
culturais e deportivos de interese cívico, en colaboración con entidades
privadas e institucións do Estado, autonómicas e locais, e permitirá, se é o
caso, o acceso xeral dos cidadáns aos devanditos actos.
Co obxecto de
desenvolver os fins indicados nos parágrafos anteriores, a sociedade poderá
integrarse e formar parte de federacións e agrupacións, de ámbito local,
autonómico ou estatal, que procuren un tolerante asociacionismo e que faciliten
a plural interrelación das actividades sociais.
ARTIGO 4.º- O domicilio da sociedade
radica na cidade de Ourense, nun edificio propio con dúas fachadas, unha á rúa
Valentín Lamas Carvajal, número cinco, e a outra á praza do Bispo Cesáreo, sen
número.
ARTIGO 5.º- O municipio e a
provincia de Ourense son o ámbito territorial da sociedade.
ARTIGO 6.º- Son órganos reitores da
sociedade:
1. - A Asemblea Xeral de Socios.
2. - O Presidente.
3. - A Xunta Directiva.
CAPÍTULO II
DOS ÓRGANOS REITORES
SECCIÓN PRIMEIRA. DA
ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS
ARTIGO 7.º- A Asemblea Xeral de
Socios é o órgano superior que encarna a soberanía da sociedade.
Estará integrada pola
totalidade dos socios, malia que o dereito decisorio a través do voto lles
corresponde unicamente a aqueles que teñan a categoría de número.
ARTIGO 8.º- A Asemblea Xeral de
Socios poderá constituírse de forma ordinaria ou extraordinaria.
ARTIGO 9.º- Anualmente, celebrarase
unha Asemblea Xeral Ordinaria que, convocada pola Xunta Directiva, terá lugar
antes de finalizar o mes de febreiro, coa seguinte orde do día:
a) Aprobación das actas referidas ás asembleas xerais ordinarias e extraordinarias
que se celebren no exercicio anterior e que non fosen xa aceptadas.
b) Informe do presidente.
c) Aprobación da memoria, contas xerais e orzamentos, presentados pola
Xunta Directiva.
d) Rogos e preguntas dos socios.
A elección de presidente,
no ano que corresponda, incluirase na orde do día da referida Asemblea Xeral.
Nese mesmo ano, e
dentro do segundo trimestre, celebrarase outra Asemblea Xeral Ordinaria para
expoñer e debater canto dispón o artigo 27 destes estatutos.
En ambas as dúas
asembleas xerais ordinarias poderá incorporarse, na orde do día, a criterio da
Xunta Directiva, algún outro asunto que non precise a súa convocatoria con
carácter extraordinario.
ARTIGO 10 . - As asembleas xerais
extraordinarias a que houbese lugar poderán celebrarse por propia iniciativa da
Xunta Directiva ou por proposta da décima parte dos socios de número.
ARTIGO 11. - A convocatoria, coa orde
do día de calquera Asemblea Xeral Ordinaria ou Extraordinaria, deberá
publicarse con quince días de precedencia á súa celebración, no taboleiro de
anuncios da sociedade e no xornal local de maior difusión ou mediante
comunicación individualizada aos socios de número, indistintamente.
En todo caso, e
ademais das cuestións que motiven a convocatoria da correspondente asemblea,
incluirase na orde do día a aprobación da acta da anterior de igual carácter da
que traia causa.
Nos casos nos que
deban ser tratados en asembleas extraordinarias asuntos de extrema e perentoria
urxencia, a Xunta Directiva poderá acordar a redución do prazo sinalado no
parágrafo primeiro deste artigo, que nunca será inferior a vinte e catro horas.
ARTIGO 12. - As asembleas xerais
ordinarias e as extraordinarias que se convoquen por iniciativa da Xunta
Directiva necesitarán, para constituírse validamente en primeira convocatoria,
a asistencia dun terzo dos socios de número e, en segunda, que pode celebrarse
seguidamente, non se requirirá quórum ningún.
As asembleas xerais
extraordinarias que se celebren por proposta da décima parte dos socios de
número deberaas convocar a Xunta Directiva, dentro dos quince días seguintes á
presentación da proposta, salvo que a urxencia do tema para debater requira
maior brevidade e para constituírse validamente precisarán do quórum sinalado
no parágrafo anterior.
As asembleas xerais,
xa sexa ordinarias como extraordinarias precisarán, para a adopción de acordos,
tanto en primeira como en segunda convocatoria, o voto favorable da maioría
simple dos asistentes, cando os votos afirmativos superen os negativos. En caso
de empate, dirimirá o voto de calidade do presidente.
ARTIGO 13. - Cando na orde do día
figure a disolución da sociedade, a súa fusión con outra entidade, a absorción
activa ou pasiva, a compravenda do edificio social, xa sexa total ou
parcialmente, así como a adquisición doutros bens inmobles, o quórum requirido
para a constitución da Asemblea Xeral Extraordinaria, en primeira convocatoria,
será dun terzo dos socios de número e, en segunda convocatoria, constituirase
validamente cos socios que asistan a esta.
Nos supostos aos que
se refire este artigo, deberán transcorrer cando menos setenta e dúas horas
entre a primeira e a segunda convocatoria, e publicaranse ambas as dúas na
forma preceptuada no artigo 11, pero sempre se lles deberá enviar comunicación
individualizada aos socios de número.
En tales casos, tanto
en primeira coma en segunda convocatoria, para a adopción de acordos, será
preciso o voto da metade máis un dos socios de número concorrentes.
ARTIGO 14. - O presidente e o
secretario da sociedade serano, así mesmo, das asembleas xerais que sexan
convocadas, tanto ordinarias coma extraordinarias.
O seu desenvolvemento
expresarase de xeito democrático e baixo a dirección do presidente, quen
coidará de non inhibir as correctas manifestacións dos socios.
ARTIGO 15. - A vontade expresada polos
socios nas asembleas xerais que se celebren poderá adoptar algunha das formas
seguintes:
1. - Votación nominal secreta.
2.
- Votación nominal pública.
3. - Man alzada ou posta en pé.
4. - Aclamación.
Os socios poderán
elixir, utilizando o sistema de man alzada entre as formas de expresión da súa
vontade, ben por proposta do presidente, ou ben por iniciativa de calquera dos
asistentes con dereito a voto.
ARTIGO 16. - Como órgano superior da
sociedade, a Asemblea Xeral elixirá o presidente.
Así mesmo, a Asemblea
Xeral pronunciarase sobre o programa de actividades redactado e proposto
conxuntamente polo presidente e a Xunta Directiva.
ARTIGO 17. - A competencia da Asemblea
Xeral estenderase a todos aqueles supostos que non estean expresamente
conferidos nestes estatutos a outros órganos da sociedade. A referida Asemblea
Xeral poderá delegar nestes últimos algunha das competencias que lle estean
atribuídas.
SECCIÓN SEGUNDA. DO PRESIDENTE
ARTIGO 18. - O presidente é o órgano
de representación e executivo da sociedade, que rexerá durante o período do seu
mandato, asistido pola Xunta Directiva.
ARTIGO 19. - O presidente, que será
elixido pola Asemblea Xeral por un período de catro anos, tomará posesión
dentro dos quince días seguintes á súa elección, que lle será conferida polo
saínte. Os demais membros da Xunta Directiva tomarán posesión no mesmo acto.
ARTIGO 20. - Os candidatos que aspiren
á presidencia haberán de ser socios de número e serán presentados por cincuenta
ou máis da mesma categoría. As candidaturas deberán ter entrada na Secretaría
da sociedade, con vinte e catro horas de antelación á celebración da Asemblea
Xeral.
ARTIGO 21. - A cesación do presidente
por calquera causa levará consigo a dos demais membros da Xunta Directiva e
producirá a necesaria elección de quen haxa de sucedelo, na forma previda
nestes estatutos, mediante convocatoria, se fose preciso, de Asemblea Xeral
Extraordinaria.
En tal caso, os catro
anos de mandato contaranse a partir do mes de febreiro seguinte á data da
elección, pero exercerá as funcións o presidente e a Xunta Directiva en
plenitude, dende o mesmo momento da súa toma de posesión estatutaria.
ARTIGO 22. - Serán competencias do
presidente:
a) Representar a sociedade.
b) Convocar, presidir e dirixir as sesións das asembleas xerais,
ordinarias e extraordinarias, as da Xunta Directiva, as das seccións, así como
tamén das comisións que se constitúan, e corresponderalle voto de calidade en
caso de empate.
c) Presentar para a súa aprobación á Asemblea Xeral Ordinaria, a
memoria, contas xerais e orzamentos que fosen redactados e propostos pola Xunta
Directiva.
d) Outorgar poderes xerais para preitos a favor de profesionais da súa
libre elección.
e) Practicar ou recibir notificacións e requirimentos de toda clase.
f) Solicitar copias de documentos e certificados que teña dereito a
obter a sociedade.
g) Conferirlles delegacións xerais ou específicas a membros da Xunta
Directiva, mesmo as de representación da sociedade ante outras entidades.
h) Autorizar co seu visto e prace as actas, certificados, títulos e
diplomas expedidos polo secretario da institución.
i) Propoñerlle, se é o caso, á Xunta Directiva, as persoas físicas ou
xurídicas merecedoras das distincións propias da entidade.
j) Presentar o informe sobre a situación xeral da sociedade.
k) Promover o eficaz e correcto funcionamento dos servizos e actividades
da entidade.
l) Velar polo axeitado exercicio das funcións que prestan os empregados
da sociedade.
m) Designar e presentar os membros e cargos da Xunta Directiva na forma
que determinan estes estatutos.
n) Supervisar a execución dos acordos da Xunta Directiva e das asembleas
xerais e tomar as prevencións que requiran a inminencia das cuestións.
o) Ordenar o pagamento das cantidades que a Xunta Directiva acorde que
sexan satisfeitas pola Tesourería.
p) Decidir e ordenar os gastos de mínima contía, así como aqueles que,
pola súa perentoriedade, aconsellen as circunstancias, comunicándollo, neste
último caso, á Xunta Directiva.
q) Promover o cumprimento destes estatutos e dos regulamentos especiais.
r) Concibir, redactar e propoñer os programas de actividades coa Xunta
Directiva.
s) Determinar a constitución das comisións asesoras e de xestión que
considere convenientes.
t) Adscribir aqueles membros da Xunta Directiva que han de formar parte
de cada unha das comisións delegadas que se constitúan no seo desta.
u) Designar aqueles membros da Xunta Directiva que han de integrarse nas
correspondentes seccións.
v) Habilitar os medios aconsellables para resolver cantas cuestións se
requiran pola súa urxencia.
ARTIGO 23. - Todas as resolucións que
adopte o presidente e, se é o caso, a Xunta Directiva, serán inmediatamente
executivas, salvo en caso da súa impugnación mediante convocatoria dunha
Asemblea Xeral Extraordinaria, que haberá de rexerse pola normativa estatutaria
e tomaranse, se é o caso, as prevencións tendentes a lle evitar irreparables
prexuízos á sociedade.
SECCIÓN TERCEIRA. A) DA XUNTA DIRECTIVA
ARTIGO 24. - A Xunta Directiva, rexida
polo presidente, é o órgano de goberno da sociedade e estará constituída por
vicepresidente, secretario, contador, tesoureiro, bibliotecario e un número de
vogais que non será inferior a catro, nin superior a oito.
ARTIGO 25. - Os que haxan de ocupar os
cargos da Xunta Directiva serán designados polo presidente, unha vez elixido
este, entre socios de número, os cales tomarán posesión no prazo sinalado no
artigo 19, prorrogando, mentres, o exercicio das súas funcións aos membros da
Xunta Directiva anterior.
ARTIGO 26. - Os membros da Xunta
Directiva exercerán as súas funcións durante o mesmo período que o presidente,
se ben este poderá promovelos ou removelos cando se produzan vacantes ou cando
as circunstancias sobrevidas o aconsellen.
ARTIGO 27. - A Xunta Directiva
posesionada será presentada polo presidente na Asemblea Xeral Ordinaria, que haberá
de celebrarse dentro do segundo trimestre, segundo o disposto no artigo 9º
destes estatutos e na que exporán o programa de actividades que se propoñan
desenvolver durante o período do seu mandato.
ARTIGO 28. - Se durante o tempo do seu
goberno se producise por calquera causa algunha vacante nos cargos con función
prevista, esta será cuberta polo presidente, ben entre os vogais xa existentes
ou por outro socio de número que non forme, ata entón, parte da Xunta
Directiva. Este proceder será de aplicación en caso de
producirse a vacante dun vogal. Todas estas modificacións na composición da Xunta Directiva
comunicaranse polo presidente á primeira Asemblea Xeral que se celebre.
ARTIGO 29. - Para constituírse
validamente a Xunta Directiva, requirirase a presenza da metade máis un dos
seus compoñentes.
Para a adopción de
acordos, será preciso o voto da maioría simple dos asistentes, cando os votos
afirmativos superen os negativos e será decisorio, en caso de empate, o do
presidente.
ARTIGO 30. - Corresponderanlle
á Xunta Directiva as competencias seguintes:
a) Admitir nas diferentes categorías de socios as
persoas que, cumprindo os requisitos estatutarios, así o soliciten.
b) Admitir e destituír os empregados da sociedade, así
como instruír e resolver expedientes por faltas laborais que puidesen cometer
aqueles.
c)
Impoñerlles aos asociados, en cada caso, as sancións que estatutariamente se
determinen, así como acordar a súa rehabilitación cando resulte procedente.
d) Fomentar os actos tendentes á mellor convivencia
dos socios, no marco dun tolerante pluralismo.
e) Procurar e xestionar o intercambio con outras
sociedades cando se xulgue conveniente e en condicións de reciprocidade, así
como a súa rescisión en igual caso.
f) Contratar os servizos, así como as actividades
previstas no parágrafo c) do artigo 5º por período non superior a cinco anos,
que poderá ser obxecto das oportunas renovacións por igual prazo.
g) Explotar directamente os devanditos servizos e
actividades aos que se contrae o parágrafo anterior.
h) Solicitar autorización da Asemblea Xeral para
realizar as obras de ampliación, reparación e mellora do edificio e
instalacións da sociedade, cando a súa contía exceda o consignado para este
capítulo no orzamento ordinario.
i) Dispoñer o destino dos bens mobles usados ou
deteriorados, na forma máis axeitada aos intereses da sociedade.
j) Contraer gastos, así como o seu financiamento e, en
suma, obrigarse polo importe do orzamento máis un vinte por cento. O déficit
así contraído figurará como partida no orzamento seguinte. As obrigas
contraídas, e que haxan de satisfacerse con cargo a sucesivos exercicios,
faranse constar no correspondente balance.
k) Debater e propoñer, para a súa aprobación nos
prazos legais pola Asemblea Xeral, a memoria, contas xerais e orzamento.
l) Outorgar as distincións que sexan da súa
competencia.
m) Dar cumprimento dos acordos adoptados polas
asembleas xerais.
n) Impulsar os fins da sociedade.
o) Determinar
a constitución das comisións asesoras e de xestión que se consideren
convenientes.
p) Desenvolver e executar o programa de actividades
redactado e proposto co presidente.
q) Todos os actos de administración e xestión
necesarios para a boa marcha da sociedade.
B) DOS DISTINTOS MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA
ARTIGO 31. - Correspóndelle ao
vicepresidente substituír, se é o caso, o presidente, exercendo as funcións
atribuídas a este, así como aquelas que lle sexan delegadas.
ARTIGO 32. - Correspóndelle ao
secretario:
a) Preparar e cursar as convocatorias, por orde do
presidente.
b) Redactar as actas.
c)
Ter a facultade de certificar
das asembleas xerais, Xunta Directiva, seccións e comisións.
d) Impulsar e executar os acordos adoptados polos
órganos reitores da sociedade.
e) Exercer a dirección do persoal laboral.
f) Ser depositario da documentación xeral da
sociedade.
g) Ter ao seu cargo o inventario do patrimonio
inmobiliario e mobiliario da entidade e actualizalo como corresponda.
h) Expedir certificados, diplomas e títulos, co visto
e prace do presidente.
i) Redactar a memoria anual.
ARTIGO 33. - Correspóndelle ao
contador a intervención das actividades económica e contable da sociedade,
levar os libros de contabilidade conforme ás normas específicas que lle sexan
de aplicación e, especialmente, visar, expedir e documentar os recibos dos
socios, libramentos e toda clase de facturas. Igualmente, redactará os estados
mensuais e a conta anual de ingresos e gastos, así como os orzamentos.
ARTIGO 34. - Correspóndelle ao
tesoureiro a execución dos pagamentos e cobramentos que lle sexan ordenados, a
custodia dos fondos da sociedade, así como levar un libro de entradas e saídas
de caudais.
ARTIGO 35. - Correspóndelle ao
bibliotecario a xestión da biblioteca e hemeroteca da sociedade, procurando a
súa actualización e enriquecemento.
ARTIGO 36. - Aos vogais
correspóndelles exercer as funcións que lles sexan encomendadas polo
presidente, substituíndo a este ou, se é o caso, ao vicepresidente, pola orde
para eles establecida. Tamén poderán formar parte das comisións para as que
sexan designados e substituirán temporal ou definitivamente outros cargos
directivos, na forma instituída nestes estatutos.
ARTIGO 37. - Todos os cargos directivos da
sociedade exerceranse gratuitamente, sen que poida establecerse retribución
ningunha para estes.
ARTIGO 38. - As responsabilidades patrimoniais que
poidan producirse ou derivarse dos actos de administración ou xestión
realizados polos membros dos órganos de goberno, así como polas persoas que obren
no seu nome ou representación, serán amparadas total e conxuntamente pola
sociedade. As devanditas responsabilidades haberán de estar
cubertas mediante a concertación dunha póliza de responsabilidade civil coa
entidade pertinente.
CAPÍTULO III
DAS COMISIÓNS
ARTIGO 39. - A
Asemblea Xeral de Socios, o presidente e a Xunta Directiva poderán determinar,
indistintamente, a constitución e nomeamento de comisións asesoras, ás que,
ademais, será posible encomendarlles funcións de xestión.
ARTIGO 40. - Estas
comisións, que terán carácter temporal, cesarán cando remate a súa función ou
ben por acordo do órgano que as designou.
ARTIGO 41. - Así
mesmo, a Xunta Directiva, por proposta do presidente, poderá acordar a
constitución de comisións delegadas no seo desta e iso para os efectos de
estudar e programar actividades concretas, tanto con carácter permanente coma
temporal.
ARTIGO 42. - Os compoñentes da Xunta Directiva
haberán de ser adscritos a unha ou varias das comisións delegadas que se creen,
e iso segundo o criterio e por proposta da presidencia, e coa aceptación
daqueles.
ARTIGO 43. - O presidente e o secretario da
sociedade exercerán como tales nas comisións que se constitúan e, non obstante,
poderán delegar as súas funcións nalgún dos seus membros.
CAPÍTULO IV
DAS SECCIÓNS
ARTIGO 44. - Constituiranse, no marco da
sociedade, as seccións de Arte e Historia, de Literatura, de Música e Canto, de
Ciencia e Tecnoloxía, de Natureza e Sendeirismo, e de Xogos, así como aquelas que
no futuro se consideren de interese para o mellor funcionamento e
desenvolvemento das actividades sinaladas no artigo 3º dos presentes estatutos
sociais.
ARTIGO 45. - Poderán integrarse, indistintamente,
nas seccións constituídas, aqueles socios que o soliciten voluntariamente, logo
da convocatoria e subseguinte inscrición, e de xeito individualizado.
En determinadas
circunstancias, a Xunta Directiva poderá aceptar a participación nos actos
programados e organizados por algunha das seccións, daquelas persoas que o
interesen e que se considere relevante a súa adhesión, xa sexa individual ou
colectivamente, e iso co fin de impulsar a colaboración da cidadanía no
desenvolvemento de actividades culturais e cívicas.
Estas últimas persoas
que participen no quefacer propio das seccións non terán nin exercerán dereito
ningún como socios da sociedade, e poderalles ser de aplicación, se é o caso, o
sinalado no artigo 57 dos presentes estatutos para os socios singulares.
ARTIGO 46. - A dirección de cada unha das seccións
corresponderalle á persoa, sexa ou non socia, que sendo elixida e nomeada pola
Xunta Directiva, se distinga pola súa capacidade e coñecemento da materia
concreta para desenvolver por estas.
Poderá constituírse,
se é o caso, unha Xunta de Goberno propia para cada sección, a cal estará
formada por persoas, socias ou non, que enriquezan e eleven o seu nivel.
Necesariamente, contarán coa aprobación da Xunta Directiva da entidade algúns
de cuxos membros se integrarán, como mínimo paritariamente, no órgano de
goberno que se constitúa, e sempre baixo a presidencia do titular da sociedade
ou do directivo en quen este delegue.
ARTIGO 47. - Cada unha das seccións, en
particular, poderá redactar e xestionar o seu propio orzamento de ingresos e
gastos, que quedará incluído como partida concreta no orzamento anual da
sociedade e que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral.
ARTIGO 48. - A
programación e organización das actividades das diferentes seccións será
sometida ao coñecemento e aprobación da Xunta Directiva, que quedará
comprendida no quefacer xeral da sociedade.
CAPÍTULO V
DOS SOCIOS
SECCIÓN PRIMEIRA. DA CONDICIÓN E
ADMISIÓN DE SOCIOS
ARTIGO 49. - Terán
a condición de socios todas aquelas persoas que, solicitándoo voluntariamente e
estando legal e estatutariamente capacitadas para o efecto, sexan admitidas
como tales pola Xunta Directiva.
ARTIGO 50. - A
solicitude interesando a admisión como socio será referendada pola sinatura de
dous que o sexan de número.
ARTIGO 51. -
A pretensión para incorporarse
como socio deberá ser examinada e decidida en sesión de Xunta Directiva e
necesitarase, para a súa admisión, o voto favorable da maioría absoluta dos
membros presentes e sen que poida existir discriminación ningunha polas razóns
sinaladas no artigo 2º, parágrafo 2 dos presentes estatutos.
ARTIGO 52. - Non
poderán ser admitidos como socios:
a) Os menores de idade, salvo os que teñan
a consideración de xuvenís.
b) Os
debedores á sociedade.
c) Os
concesionarios de servizos.
d) Os retribuídos
pola sociedade.
SECCIÓN
SEGUNDA. DA CLASE DE SOCIOS
ARTIGO 53. - Os socios poderán ser de
honra, número, entrada, singulares e xuvenís.
ARTIGO 54. - Os socios de honra son
aquelas persoas, individuais ou colectivas, ás que lle sexa concedida tal
distinción pola Asemblea Xeral, ben por proposta da Xunta Directiva ou a
petición da décima parte dos asociados que o sexan de número.
ARTIGO 55. - Os socios de número son
aqueles que ocupan a devandita categoría no momento de entrada en vigor destes
estatutos, así como os que a partir deste momento lles corresponda alcanzala.
Adquirirán automaticamente a condición de socio de número os de entrada, unha
vez transcorridos catro anos como tales, e os que cumpran os requisitos
económicos que se establezan para o efecto.
ARTIGO 56. - Os socios de entrada son
aquelas persoas que, solicitando o seu ingreso na sociedade, sexan admitidas
pola Xunta Directiva, e iso segundo as normas establecidas nos presentes
estatutos.
ARTIGO 57. - Os socios singulares son
aquelas persoas ás cales, por razóns de idade, situación económica ou relación
familiar, valoradas xustamente pola Xunta Directiva, interesen e sexan
admitidas a participar nas actividades da sociedade, utilizando as súas
dependencias, e sempre a título individual.
Superadas as razóns de
cada caso particular, e transcorridos polo menos catro anos dende a data de
admisión, poderán incorporarse na categoría de número ou causar baixa na
sociedade.
ARTIGO 58. - Os
socios xuvenís son as fillas e fillos de socio de entrada ou de número que así
o soliciten, con idade comprendida entre os dezaseis e os vinte e cinco anos,
condición que poderá prorrogarse a xuízo da Xunta Directiva de xeito específico
e concreto, e sempre que aqueles non adquirisen a independencia económica
necesaria. Cumprida a idade correspondente, incorporaranse como socios de
número ou, en caso de ser de aplicación, como socios singulares.
SECCIÓN TERCEIRA. DOS DEREITOS E DEBERES DOS SOCIOS
ARTIGO 59. - Son dereitos dos socios:
a)
Os de número, o de voz e voto
nas asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias. Os de entrada terán
soamente dereito de voz. E os demais socios, de presenza.
b) O de uso e desfrute dos bens e servizos da
sociedade e a asistencia a todos os actos organizados por esta, coas
limitacións que estableza a Xunta Directiva para casos especiais ou
excepcionais.
c) O de ser proposto como membro da Xunta
Directiva, reunindo os requisitos estatutarios.
d) Á participación na cota do patrimonio a que
houbese lugar nos supostos sinalados do artigo 85 destes estatutos e soamente
respecto daqueles asociados que ocupen a categoría de número.
e) Aos demais dereitos non previstos nos
parágrafos anteriores e que se deriven da normativa estatutaria.
ARTIGO 60. - Son
deberes dos socios:
a) Observar as
regras esixidas pola convivencia social.
b) Cumprir as normas establecidas nestes
estatutos, así como as determinacións da Xunta Directiva ditadas dentro do
ámbito da súa competencia.
c) O pagamento das cotas mensuais ou as que no
futuro poidan establecerse.
Exceptúanse
os socios de honra, que estarán eximidos de tal obriga, e tamén aqueles socios
nos que, concorrendo supostos excepcionais, así o acorde a Xunta Directiva.
SECCIÓN CUARTA. DAS SITUACIÓNS ESPECIAIS
ARTIGO 61. - O cónxuxe de socio, xa
sexa de entrada ou de número, poderá frecuentar a sociedade e asistir aos actos
que se celebren nesta.
As fillas e fillos de
tales socios, menores de dezaseis anos, soamente poderán asistir aos actos
programados para eles ou, dun xeito circunstancial, acompañados dos seus pais.
ARTIGO 62. - Serán admitidos, segundo
corresponda, como socios de entrada ou de número:
a) O cónxuxe de socio, mediante a cesión da
titularidade por este.
b) O cónxuxe viúvo, que se subrogue ao falecemento
de titular.
c) O cónxuxe separado ou divorciado, que desexe
causar alta na sociedade.
Nos dous primeiros
casos, o novo asociado manterá o mesmo número de orde na categoría que tivese o
socio anterior.
En
todos os supostos, os novos socios ocuparán a mesma situación e iguais dereitos
e deberes que os que tivesen atribuídos aqueles dos que traian causa.
ARTIGO 63. - Con carácter
extraordinario, a Xunta Directiva estará facultada para lles permitir a entrada
e frecuentar as dependencias da sociedade aos familiares do socio que así o
solicite. Tamén cabe conceder igual dereito ao cónxuxe e fillos do socio
falecido. En ambos os dous casos, poderá ser de aplicación o establecido no artigo
57 destes estatutos para os socios singulares.
ARTIGO 64. - O forasteiro que fose
presentado por un socio poderá obter da Xunta Directiva, coas condicións que se
determinen, autorización para frecuentar as instalacións da sociedade e asistir
aos actos organizados por esta. O desfrute deste beneficio non poderá exceder
dun mes.
ARTIGO 65. - Os que, sendo socios
desta entidade, residan fóra do municipio e da provincia de Ourense, gozarán do
dereito concedido no artigo anterior, sen necesidade de presentación previa.
ARTIGO 66. - Os socios dados de baixa
por ausencia xustificada do municipio e provincia de Ourense e que volvesen de
novo a residir nestes, logo da solicitude dirixida á Xunta Directiva, poderán
reingresar na categoría de socio que tivesen no momento de producirse a súa
baixa, pero sen dereito á reserva do número de orde que anteriormente ocupasen.
SECCIÓN QUINTA. DA PERDA DA
CONDICIÓN DE SOCIO
ARTIGO 67. - A perda da condición de
socio, nas circunstancias e cos dereitos que dela se deriven, será:
a) A petición
propia.
b) Por
falecemento.
c) Polas
demais causas que determinen estes estatutos.
CAPÍTULO VIN
DE CONTRAVENCIÓNS, CORRECCIÓNS E RECURSOS
ARTIGO 68. - Considérase infracción o incumprimento
das obrigas establecidas no artigo 60 destes estatutos.
ARTIGO 69. - A Xunta Directiva, segundo
a gravidade, transcendencia e irreparabilidade da infracción, cualificará esta
de leve, grave ou moi grave, e imporá unha sanción axeitada, que poderá
comprender ou graduarse entre a simple amoestación persoal e a expulsión
definitiva.
ARTIGO 70. - Neste último suposto, o
sancionado poderá solicitar da Xunta Directiva a súa rehabilitación, unha vez
transcorridos catro anos e, no caso de non acceder este a esta, poderá repetir
a petición ante a Asemblea Xeral.
ARTIGO 71. - En todo caso, deberá
esixírselle ao infractor a reparación económica do dano material que causase.
ARTIGO 72. - As sancións que leven
aparellada a suspensión temporal ou definitiva do socio han de ser precedidas
da instrución dun expediente, no que se oirá necesariamente o infractor.
CAPÍTULO VII
DAS DISTINCIÓNS
ARTIGO 73. - A
sociedade poderá premiar os méritos que contraian os seus asociados e
empregados, así como os servizos que lle presten persoas ou colectivos alleos á
entidade. Para tal fin, créanse as seguintes distincións: A) Nomeamento de
Socio de Honra, B) Concesión da Medalla de Ouro, C) Concesión da Medalla de
Prata, D) Imposición da Insignia de Ouro.
ARTIGO 74. - O nomeamento de Socio de
Honra corresponderalle á Asemblea Xeral, cos requisitos sinalados no artigo 54
destes estatutos, e poderá recaer en persoas, individuais ou colectivas, tanto
nas que non concorra a condición de socio, coma nas que xa o sexan,
conservando, neste último suposto, todos os seus dereitos. En todo caso,
faranse merecedores de tal distinción polos relevantes servizos prestados á
sociedade ou en virtude dos seus méritos persoais.
A concesión da Medalla
de Ouro será facultade da Xunta Directiva e poderá outorgárselles a aquelas
persoas, sexan ou non socios, así como a colectivos, que se distinguisen polos
seus relevantes e especiais méritos de colaboración, no cumprimento dos fins
sociais ou por servizos moi sobresaíntes prestados á entidade.
A concesión da Medalla
de Prata será competencia da Xunta Directiva e poderá outorgárselles a aqueles
asociados e empregados que, pola súa dedicación e permanencia na entidade, se
estime sexan merecedores desta.
A imposición da Insignia
de Ouro será complementaria das demais distincións sinaladas nos parágrafos
anteriores. Tamén se lles poderá outorgar a persoas individuais ou colectivas,
sexan socios ou non, en determinadas circunstancias que haberán de ser
valoradas pola Xunta Directiva.
ARTIGO 75. - Do outorgamento das Medallas de Ouro
e Prata acordado pola Xunta Directiva darase conta, no seu momento, á Asemblea
Xeral.
A Secretaría levará o
rexistro de todas as distincións que conceda a sociedade.
CAPÍTULO VIII
DO PATRIMONIO E RECURSOS ECONÓMICOS
ARTIGO 76. - A sociedade terá plena autonomía para
a administración dos seus propios recursos orzamentarios ou patrimoniais,
concretándose a responsabilidade económica ao seu ámbito.
O funcionamento da
sociedade regularase polo réxime de orzamento.
O orzamento ordinario
de ingresos e gastos redactarao a Xunta Directiva e será aprobado nos prazos
legais pola Asemblea Xeral.
Os exercicios
económicos coincidirán co ano natural.
ARTIGO 77.º- O patrimonio social está integrado
polo inmoble sede desta e os bens mobles que figuren en inventario, así como
polos ingresos que se obteñan dos conceptos seguintes:
a) Cotas aboadas polos socios.
b) Subvencións e doazóns de calquera orde.
c) Os obtidos pola explotación de servizos, así como os que se xeren do
exercicio de actividades permitidas pola lei.
Ademais, este
patrimonio poderá incrementarse coas futuras ampliacións e adquisicións que,
para o desenvolvemento dos fins enunciados no artigo 3º, fosen aprobadas como
aconsellables e posibles.
ARTIGO 78. - A
Asemblea Xeral fixará anualmente, e por proposta da Xunta Directiva, as cotas
que lles han de corresponder ás diferentes categorías de socios. En todo caso,
esta queda facultada para convocar Asemblea Xeral Extraordinaria, co obxecto de
propoñer as revisións de cotas que se consideren necesarias.
ARTIGO 79. - A propia asemblea poderá
autorizar, ademais, unha cantidade adicional de aumento para casos excepcionais
e facúltase a Xunta Directiva para apreciar a súa necesidade e sinalar a data
da súa entrada en vigor.
Os ingresos que se
obteñan en virtude do establecido no parágrafo anterior, os provenientes de
subvencións e doazóns de calquera orde e os xerados pola explotación de
servizos propios, indistintamente, poderán xestionarse mediante un orzamento
extraordinario.
ARTIGO 80. - As
subvencións e doazóns, en canto non sexan onerosas, poderán ser aceptadas pola
Xunta Directiva. Se supuxesen calquera tipo de carga para a sociedade, deberán
selo pola Asemblea Xeral.
CAPÍTULO IX
DO RÉXIME DOCUMENTAL
ARTIGO 81. - Integrarán o réxime documental da
sociedade:
1) O rexistro coa relación actualizada dos socios nas
súas diferentes categorías.
2) Os libros de contabilidade, conforme ás normas específicas
que lle sexan de aplicación.
3) O inventario de bens da sociedade.
4) Libro de actas das reunións dos seus órganos de
goberno e representación.
ARTIGO 82. - Os
socios poderán acceder á documentación que se relaciona no artigo anterior, nos
termos previstos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de
datos de carácter persoal.
CAPÍTULO X
DA DISOLUCIÓN DA SOCIEDADE
ARTIGO 83. - A sociedade disolverase polas
seguintes causas:
1) Por acordo adoptado en Asemblea Xeral Extraordinaria.
2) Polas causas determinadas no artigo 39 do Código
Civil.
3) Por sentencia xudicial firme.
ARTIGO 84. - En
caso de disolución, constituirase unha comisión liquidadora cuxos compoñentes
serán os membros da Xunta Directiva da sociedade, salvo o que poida
establecerse pola Asemblea Xeral ou por decisión xudicial.
ARTIGO 85. - A devandita comisión liquidadora
procederá a cumprir as obrigas pendentes e a asegurar as que non sexan
realizables no acto. De quedar remanente, destinarase este na forma que se
determine pola Asemblea Xeral, e iso de conformidade co establecido no
ordenamento xurídico vixente.
ARTIGO 86. - Os acordos que se adopten, en todo
caso, pola Asemblea Xeral precisarán para ser aprobados da maioría absoluta dos
socios concorrentes, tanto en primeira coma en segunda convocatoria, a cal
haberá de celebrarse, polo menos, unha vez transcorridas setenta e oito horas.
CAPÍTULO XI
DA MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS
ARTIGO 87. - Os presentes estatutos poderán
substituírse ou modificarse mediante acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria,
constituída segundo os requisitos e co quórum que se establece no artigo 12 e
haberá de ser adoptado pola maioría absoluta dos socios concorrentes.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Única. - A
nai viúva, as fillas e irmás solteiras maiores de vinte e cinco anos que
convivan e dependan economicamente de socio de entrada ou número, que o fose
antes do 1 de marzo de 1988, poderán frecuentar a sociedade e asistir aos actos
que se celebren nesta. Desaparecidas estas circunstancias, estarán
facultadas a incorporarse como socios de número.
Igualmente,
e nas mesmas condicións, respectaranse tales dereitos a favor da viúva do socio
falecido, así como os que se deriven en favor dos seus fillos.
En
ambos os dous casos, poderá ser de aplicación o disposto no artigo 57 destes
estatutos para os socios singulares.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Estes
estatutos entrarán en vigor a partir do día seguinte á súa aprobación pola
Asemblea Xeral Extraordinaria e seranlle de aplicación, con carácter
subsidiario, as disposicións da Lei orgánica reguladora do dereito de
asociación, do 22 de marzo de 2002.
A
súa inscrición realizarase segundo o disposto no Regulamento do Rexistro
Nacional de Asociacións e das súas relacións cos restantes rexistros de
asociacións, do 28 de novembro de 2003.